Friday 29 de March de 2024

O BNG esixe abrir zonas de extracción de mexilla anunciadas por Mar e retomar as xuntanzas entre mexilloeiros e percebeiros


O Bloque Nacionalista Galego rexistra novas iniciativas parlamentares ante a imaxe que se pode ver estes días na costa galega con centos de persoas amoreadas nas pedras para poder extraer algo de mexilla, un recurso imprescindíbel para a subsistencia dun sector puxante en Galiza.

Desde o BNG cargan contra a Consellaría do Mar -organismo competente na regulación do sector-, porque lonxe de solucionar o problema, provocou enfrontamentos entre sectores do mar ao actuar unilateralmente. “Esta cuestión derivou na situación que estamos a vivir e na que a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, actividade que durante décadas veu realizándose con normalidade, converteuse nunha auténtica peripecia” aseguran.

Segundo a deputada Rosana Pérez Fernández, o Goberno galego é o culpábel de xerar un conflito sen precedentes entre sectores do mar xa que “o Decreto de conservación e explotación dos recursos marisqueiros permite que os plans de xestión de percebe poden reservar zonas para a extracción de semente de mexillón”. Pérez Fernández esgrime que en 2021 a Consellaría do Mar publicou unilateralmente unha resolución na que se modifican as zonas de extracción da mexilla xerando un grave problema. “Tanto foi así que a propia Consellería tivo que rectificar as súas propias decisións e anunciar, cinco meses despois, a reapertura de novas zonas de extracción, nomeadamente en Aguiño, Sanxenxo e Baiona, en pedras onde os propios servizos técnicos da Consellería constataron a existencia de cría de mexillón e a ausencia de percebe”.

Os nacionalistas cualifican de “inconcebíbel” que non se procedera aínda a autorizar a apertura de novas zonas a pesar dos informes favorábeis nos que se certifica a existencia de zonas con mexilla e inexistencia de percebe, máxime cando o sector mexilloeiro ten escaseza deste produto.

“O sector mexilloeiro informa da escaseza de cría e das dificultades que ten para fixarse nas cordas e esta situación súmase á diminución de produción da campaña anterior, na que a falta de semente xa tivo como consecuencia un desabastecemento dos viveiros, o resultado é unha crecente masificación nas zonas habilitadas e un aumento do risco para os produtores” asegura Pérez.

“Cremos que o Goberno galego debe buscar vías de encontro a medio prazo que permitan reconducir a conflitividade á que se viron abocados bateeiros e percebeiros e de sentar as bases para un traballo constante e rigoroso para elaborar unha nova normativa porén, agora o urxente é decidir sobre a ampliación das zonas de extracción da mexilla anunciadas hai case un ano e aliviar a grave crise que xa se intúe no sector mexilloeiro, a tensión existente e a posibilidade de riscos evitábeis” concluíu a parlamentaria.